Traducións
Tes relacións cunha empresa estranxeira e precisas coñecer exactamente o contrato antes de asinalo? Importas máquinas e queres ofrecerlles aos teus clientes un manual de instrucións que poidan comprender? Queres publicar o teu artigo nunha revista de prestixio pero pídencho en inglés? Queres poñer a túa páxina web en inglés para ampliar mercado? Hai que traducir información dalgún medicamento? Se estás nalgunha situación semellante na que interveñan dúas linguas, pódoche axudar. Traducir é moito máis que cambiar as palabras dun idioma polas do outro.
Garántoche, ademáis, un estrito segredo profesional con respecto aos documentos e á información que me remitas, e mesmo podemos asinar un acordo de confidencialidade.
Traducions xuradas
Cando hai que presentar o documento traducido perante algunha Administración, esa tradución debe ir asinada por un tradutor xurado que certifique que é fiel ao que di o orixinal. Por ese motivo, a tradución deberá ir sempre en papel, aínda que cha podo adiantar escaneada. Casos nos que podes precisar unha tradución xurada son: presentar un título ou un expediente académico nunha universidade, entregar un contrato como aval ou presentar unha sentenza xudicial noutra lingua.
Son tradutor e intérprete xurado entre inglés e galego e tamén entre castelán e galego. Tamén podo facer traducións xuradas entre castelán e inglés, pero pasando antes polo galego. Non che vou cobrar máis por ela, pero terías máis papel.
Ás veces, se a tradución ten que producir efectos nun país alleo ao tradutor, o organismo receptor da tradución pode pedir que, ademais de xurada, veña legalizada ou coa apostila da Haia. Para facilitarche as cousas, tamén me podo encargar dese trámite.
Corrección e revisión de textos en galego ou castelán
Seguro que está todo o que queres dicir, pero se cadra cómpre que outra persoa cho lea, que lle dea outra volta, para evitar ambigüidades, redistribuír a información, facer máis lixeira a lectura e comprensión dos parágrafos máis tediosos, é dicir, redactar un documento dunha maneira máis clara e efectiva. Normalmente a xente tende a escribir como fala e iso pode estar moi ben para outros contextos como pode ser o correo electrónico ou o whatsapp 😉
Interpretación consecutiva, simultánea ou de acompañamento
Para conferencias, congresos, reunións e xantares de traballo. Contáctame e vemos cal é o tipo de servizo que che convén.
Formación
Pertences a algún colectivo que precisa formación lingüística especializada? Queres darlle ao teu persoal un curso de inglés ou de redacción? Se che serve de inspiración, velaquí algúns exemplos de cursos de formación que teño impartido:
- inglés para o turismo e as axencias de viaxes
- redacción administrativa en galego
- inglés básico para adultos
- inglés para o ámbito sanitario (médicos ou enfermeiras)